A reducción das clases de música marcan o inicio do curso en secundaria

    iniciocursosecundaria_100_190907_-_still_002.jpgPONTEVEDRA > Os alumnos de Educación Secundaria comezaron hoxe un novo curso marcado pola polémica reducción de horas da clase de música.

    O inicio deste curso está marcado pola entrada en vigor da LOU que inclúe varias novidades. Entre elas unha moi polémica: a reducción de horas de clase de música. Por iso no instituto A Xunqueira 1, onde se abriu oficialmente o curso esta mañá, elexiron a aula de música para face-la recepción ás autoridades.

    O alcalde de Pontevedra e o delegado provincial de Educación acudiron ó acto inaugural, xunto con inspectores de educación e profesores doutros centros do municipio, ademais dunha representación de alumnos. Todos asistiron a un acto de apertura de curso marcado por un claro carácter reivindicativo, xa que a entrada en vigor da LOU implica a perda dunha hora na asignatura de música, algo que foi denunciado hoxe polo profesor Miguel Rodríguez, quen ve ‘ilóxico que un goberno socialista manteña as horas de relixión e rebaixe as de música’. Segundo os profesores, esta modificación implica case ‘unha volta ó programa educativo do franquismo’. O cambio afecta ós alumnos de segundo que pasarán de ter tres horas de música á semana a ter dúas, algo que os mestres consideran inadmisible para unha ‘educación do século XXI’.

    Para remarca-lo carácter reivindicativo do acto, durante a presentación do novo curso intercaláronse diversas pezas musicais. Dende unha de gaita interpretada polo alumno Jorge Roldán, ata un tema coral e unha peza de jazz coa que demostraron, ademais da importancia desta disciplina, o bo facer dos alumnos e profesores do centro.

    Un bo facer que souberon recoñecer tanto o alcalde, que destacou o programa educativo desenvolvido neste instituto ó longo da súa historia, como o delegado de Educación, Cristóbal Fernández, quen recordou a importancia deste novo curso no que comeza a implantarse a LOE. O delegado destacou tamén a reducción de alumnos que continúa producíndose en secundaria, un proceso que, prevé, remate pronto.

    Redacción Salnés