POBRA> O conselleiro do Mar, Alfonso Villares, visitaba esta mañá as instalacións de Congalsa no polígono industrial da Tomada para coñecer de primeira man o novo proxecto no que está inmersa a firma, xunto coa asociación de armadores Ribeira Peixe Fresco, de cara o procesado de lirio, co fin de valorizar e comercializar un produto local e de proximidade.
O titular de Mar aproveitou a visita a esta firma radicada en Barbanza, dedicada á transformación de produtos do mar, para destacar a súa constante aposta pola innovación e por gañar en competitividade, o que a converte nun referente europeo e mundial.
Villares puido coñecer tamén o proxecto Congalsa 4.0 para avanzar na consecución da fábrica intelixente. Un proxecto para o que asegurou seguirá contando co apoio da Administración Autonómica.