NOIA> A Xunta sacou este venres a licitación o proxecto de reforma da Ponte de Ceilán. Trátase dunha estrutura obsoleta, construída hai máis de tres décadas, que constitúe a principal vía de comunicación entre os concellos de Noia e Outes.
O delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro, desprazouse ata Noia para anunciar a licitación do proxecto de reforma da ponte de Ceilán. Nunha xuntanza cos alcaldes de Noia e Outes, os dous municipios que conecta a infraestrutura, explicou os principais detalles da actuación, orzamentada en algo máis de douscentos mil euros.
Ademais da renovación desta estrutura, que tras trinta anos dende a súa construción xa resultaba obsoleta, a obra contribuirá a mellorar a seguridade viaria, especialmente dos peóns.
Esta non será a única actuación que acometerá a Xunta para mellorar as comunicacións entre estes dous concellos posto que se vén de contratar a realización dun estudo para a mellora e posta en valor de Pontenafonso.
Ovidio Rodeiro anunciou ademais o inminente inicio dos traballos para a dotación de alumeado na ponte sobre a ría en Testal, proxecto que ascende ós trescentos vinte e seis mil euros.












