Rianxo acorda a cesión dos terreos á Deputación para a futura residencia

RIANXO> O pleno celebrado este pasado martes daba luz verde a cesión á Deputación da Coruña da parcela de titularidade municipal situada en Rianxiño na que se construirá a futura casa de acompañamento.

Segundo explicou o alcalde Julián Bustelo dáse así un paso importante para a consecución deste proxecto impulsado pola institución provincial e que permitirá dar resposta a unha demanda de vello neste municipio e tamén en toda a comarca, debido á escaseza de prazas públicas de atención a persoas maiores.

Á futura residencia, que contará con preto de 60 prazas, unirase tamén no mesmo entorno, o centro de día, que o Concello pretende poñer en marcha en colaboración tamén coa Deputación da Coruña.

Dende o Concello confían en que superado este trámite da cesión dos terreos, e unha vez se inicie o traballo de licitación do proxecto técnico para a construción do edificio, as obras poidan iniciarse xa no primeiro trimestre de 2027.