O matadoiro comarcal entra en funcionamento

    RIBEIRA> O acto, que tiña lugar este pasado sábado, estivo presidido pola conselleira de Medio Rural e do Mar, Rosa Quintana. Despois de varios anos de tramitacións e obras, fundamentalmente as referidas ó seu equipamento interior, o matadoiro comarcal do Barbanza xa entrou en funcionamento. Este pasado sábado tiña lugar a súa inauguración oficial. Ó acto asistiu un gran número de autoridades, entre elas a conselleira de Medio Rural e do Mar, Rosa Quintana, o presidente da Deputación da Coruña, Diego Calvo, e a práctica totalidade dos alcaldes da zona. Acompañados do xerente da empresa concesionaria do servizo, Distribuciones Josoni S.L., Manuel González, realizaron unha visita polas instalacións, na que se prestará servizo ós concellos de Arousa Norte, así como a outros municipios limítrofes. Durante as intervencións, o propio Manuel González explicou que o matadoiro nace para ser un referente do sector agroalimentario galego e que coa súa posta en marcha lógrase pechar o ciclo produtivo dunha empresa que viu a luz hai máis de 30 anos en Mazaricos. Tanto o alcalde de Ribeira, Manuel Ruíz, coma o actual presidente da mancomunidade, o rexedor pobrense, Isaac Maceiras, destacaron a importancia desta actuación e a necesidade de realizar accións de xeito conxunto. O presidente da Deputación da Coruña, Diego Calvo, coincidiu tamén neste aspecto, mancomunar servizos coma neste caso, recolle o espírito que está a tentar introducir o organismo provincial en toda a provincia coruñesa, favorecendo os proxectos en común. A titular de Medio Rural, Rosa Quintana, destacou tamén a importancia deste matadoiro comarcal, que entre os seus obxectivos figura dar unha garantía de seguridade ó consumidor. O matadoiro comarcal supuxo un investimento próximo ó millón de euros, dos cales uns 482 mil euros foron aportados pola Deputación da Coruña e 318 mil pola Xunta de Galicia. A intención da firma é iniciar a súa actividade cunha plantilla de dez traballadores, coa previsión de ir incrementándoa a medida que a actividade se vaia consolidando e se incorporen máis melloras nas instalacións, como é o caso das novas cámaras de frío, unha sala de elaborado de gando vacún e outra de despece. {flowplayer img=https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2014/02febreiro/10/inauguracionmatadoirocomarcal100214.jpg}https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2014/02febreiro/10/inauguracionmatadoirocomarcal100214.mp4{/flowplayer}