PADRÓN> O presidente da Deputación da Coruña, Diego Calvo, asinou esta mañá co presidente da Fundación Rosalía de Castro, Anxo Angueira, a acta de entrega dunha serie de bens propiedade da institución provincial e que serán cedidos en depósito para a súa mostra na casa da autora de ‘Cantares Gallegos’ na Matanza. Entre as propiedades entregadas, todas elas doadas á Deputación polos herdeiros de Juan Naya Pérez, figuran cinco cadros pintados polo fillo da poetisa e Manuel Murguía, Ovidio Murguía de Castro, un tresillo que foi propiedade da familia e un retrato da propia Rosalía de Castro do artista Modesto Brocos. Este último retrato posúe ademais un grande valor histórico, xa que é o único pintado en vida da autora padronesa que se conserva na actualidade. As pertenzas, que ata agora se atopaban no Pazo de Mariñán, están valoradas nuns 51 mil euros, e cédense de xeito temporal, co obxectivo de que a sociedade as poida coñecer mellor. O concello de Padrón foi quen solicitou esta cesión para a Fundación que leva o nome da escritora con motivo da celebración do 150 aniversario de ‘Cantares Gallegos’ durante o pasado ano.
Inicio Galicia