A Xunta aumenta as camas de UCI e contrata a 158 médicos MIR

GALICIA> A Xunta de Galicia reforza as medidas económicas do Goberno para frear a crise do coronavirus. O goberno galego investirá 50 millóns de euros na compra de máis material sanitario e transformará as camas de reanimación en camas de UCI. Ademais, Alberto Núñez Feijóo anunciou que se farán contratos de médicos especialistas a todos os MIR que finalizan a súa formación en maio.

50 millóns de euros. Esa é a inversión que fai a Xunta de Galicia na compra de material sanitario. 45 ventiladores, equipos portátiles raios x e máis de 800 biombos de protección que se trasladarán nos vindeiros días aos hospitais de toda a comunidade. Nas UCIS, o goberno galego transformará todas as camas de reanimación en camas de UCI. O que permitirá pasar das 160 unidades actuais a 274.

Co obxectivo de reforzar o sistema sanitario, a Xunta de Galicia converterá a todos os MIR de último grado en adxuntos médicos facultativos especialistas de áreas. Unha medida necesaria, segundo Feijóo, pola falta de persoal sanitario.

No eido económico e ata que non se activen os 100 millóns de euros aval do Estado, a Xunta de Galicia habilitará 250 millóns como préstamos ponte. Deste xeito, dende o luns, o goberno autonómico avalará o 75% de calquera préstamo. A contía do mesmo  será dado polos gastos do primeiro trimestre do ano e este non terá que devolverse ata dentro de 3 anos. Dentro das medidas económicas, Feijóo anunciou tamén que tanto o IGAPE como o Xes Galicia, que teñen concedido préstamos por valor de 265 millóns de euros, deixarán sen efecto as cotas de amortización e xuros da liquidación do primeiro trimestre do ano.

O goberno autonómico anima tamén a todas as empresas a reorientar a súa actividade  e, na medida do posible, iniciar a elaboración de material sanitario. Para esta iniciativa, a Xunta destinará 10 millóns de euros a fondo perdido.

A Xunta de Galicia fai especial fincapé nos colectivos máis vulnerables e pon a disposición dos maiores que precisen axuda ou atención psicolóxica o número de teléfono 900 400 800.

Novos positivos

Xa son 83 os casos de coronavirus na área sanitaria de Pontevedra e O Salnés. O que supón un incremento de 24 novos positivos nas últimas 24 horas.

Do total de pacientes, 15 están hospitalizados en Pontevedra e 1 no Salnés. Un atópase na UCI. Na área sanitaria de Santiago e Barbanza o número total de infectados ascende xa a 94. Situándose así na terceira área de Galicia con máis positivos, soamente por detrás da Coruña e Vigo. A cifra total da nosa comunidade supera xa os 560 casos.

Entre os novos positivos na área Pontevedra e O Salnés, varios son veciños desta comarca, que xa supera a decena de infectados. Os últimos confirmados son catro cambadeses, dous deles de máis de 70 anos que permanecen illados en centros hospitalarios.

En Vilagarcía, o virus apareceu entre o persoal sanitario: ata cinco profesionais do centro de saúde de San Roque, tres médicos, unha enfermeira e un administrativo, deron positivo nas probas de coronavirus. Todos permanecen illados nos seus fogares e non precisaron atención hospitalaria.

Finalmente, evoluciona favorablemente o veciño da Illa que ingresaba o pasado martes que deu positivo tras volver dunha viaxe a Huelva. As outras tres persoas que foron con el continúan illadas nas súas casas.

Tamén o concello de Caldas deu conta do seu primeiro positivo. Trátase dun usuario do asilo das Hermanitas dos Anciáns Desamparados que permanece illado no centro. A súa contorna foi desinfectada por Protección Civil.

A Consellería de Sanidade reitera á cidadanía a importancia de utilizar o número 061 unicamente para casos graves e emerxencias. Para o resto de consultas, está operativo o teléfono 900 400 116. Dende o Canal Rías Baixas lembramos a importancia de extremar as medidas hixiénicas para facer fronte ao coronavirus o antes posible. Ademais, lembramos que a páxina web coronavirus.sergas.es segue tamén aberta para consultar información sobre esta emerxencia sanitaria.