Os novos conselleiros da Xunta asumen o cargo entre críticas da oposición por vir ‘impostos dende Madrid’

GALICIA> Os novos conselleiros da Xunta tomaron posesión do seu cargo esta mañá. Elena Rivo e Alfonso Villares son as dúas novas incorporacións ao executivo de Alfonso Rueda, logo da saída de Francisco Conde e Rosa Quintana para ir nas listas do PP nas xerais. O presidente di que cos cambios refórzase un goberno que xa funciona. Na oposición, pola contra cren que Rueda non manda nin no partido nin no seu goberno porque, lembran, os cambios veñen impostos por Feijóo dende Madrid.

Xurando ou prometendo o seu cargo tomaban posesión esta mañá os novos conselleiros da Xunta de Galicia. Incorpóranse ao executivo Elena Rivo, como  conselleira de Emprego e Igualdade. Esa carteita estaba en mans de María Jesús Lorenzana que pasa agora a dirixir Economía, Innovación e Industria.

A outra novidade do goberno é Alfonso Villares, novo conselleiro do Mar. Villares colle o testemuño de Rosa Quintana, que formou parte dos executivos populares dende a chegada de Feijóo no 2009. Quintana marcha para se-la número dous do PP por Ourense. Encabezando a lista por Lugo vai o xa exvicepresidente Francisco Conde.

A remodelación do executivo complétase co ascenso de Diego Calvo á vicepresidencia primeira e o de Ángeles Vázquez como nova vicepresidenta segunda. Rueda di que os cambios melloran un goberno que xa funciona.

Logo da toma de posesión dos novos conselleiros e dos que foron recolocados o novo executivo ao completo celebrou o seu primeiro Consello da Xunta. Na oposición, entre tanto, critican estas novidades. Para o BNG demostran que Rueda non manda nin no seu partido nin no seu goberno e que estes cambios veñen impostos por Feijóo dende Madrid.  O PSdeG, pola súa banda, pídelle ao PP que adiante as eleccións. Lamentan tamén que o PP se dedique a facer campaña e critica-lo goberno central dende a Xunta.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí