Boiro conta con seis novos guindastres para persoas de mobilidade reducida

BOIRO> A adquisición deste material, por un importe de máis de cinco mil euros, foi posible grazas a unha achega da Obra Social de La Caixa. O departamento de Servizos Sociais dispón dende hoxe de seis novos guindastres que poderán ser destinados a persoas en situación de dependencia ou mobilidade reducida. Súmanse ós oito xa existentes no Concello que forman parte do servizo de préstamos a domicilio. Con eles darase resposta a practica totalidade das persoas que precisan deste tipo de aparellos que permiten mobilizar ás persoas cun maior nivel de seguridade e reducir, de paso, os riscos de posibles lesións, tanto para os seus usuarios como para os coidadores. A adquisición destes guindastres foi posible grazas a un convenio de colaboración que o Concello asinou coa Obra Social de La Caixa que financiou a compra cunha achega de algo máis duns cinco mil euros. Segundo o director de CaixaBank na localidade, Francisco Sarasquete, esta acción forma parte do compromiso da entidade coas necesidades da sociedade na que leva a cabo a súa actividade financeira e co benestar das persoas.