Prisión para as dúas mulleres detidas no crime de Poio e liberdade para o terceiro implicado

PONTEVEDRA> Esta mesma tarde ingresaron en prisión Rocío Goldar e Albertina Táboas, as dúas mulleres sinaladas como supostas responsables da morte do veciño de Chancelas.

Secundino Prego falecía na súa vivenda a madrugada do día 3 de febreiro tras recibir golpes cun bastón e unha pedra. Segundo a investigación, o móbil do crime sería facerse coa herdanza do falecido, que unha semana antes da súa morte nomeara a Albertina, a súa coidadora, herdeira universal. As dúas mulleres pasaron a disposición xudicial ó redor das 12.30 do mediodía, pero esta tarde negáronse a declarar ante o xuíz titular do xulgado número 2 de Pontevedra, Xermán Varela.

Quen si respondeu ás preguntas foi Belarmino Graña, o terceiro detido polo crime de Chancelas, que mantiña unha relación con Albertina. Despois de prestar declaración durante máis de dúas horas e media ante o maxistrado, Graña quedou en liberdade provisional. A decisión débese a que aínda non está clara a súa implicación na morte de Secundino. Segundo a investigación, podería ser só colaborador. Así as cousas, Graña terá que comparecer no xulgado cada semana.

O home pasou a disposición xudicial ás 12 menos 25 da mañá, cando chegaba ós xulgados da Parda nun coche patrulla da Garda Civil.

O maxistrado decretou esta mañá o levantamento do secreto de sumario. Sábese que os acusados do crime de Poio terán que enfrontarse a un xurado popular.

 

{flowplayer img=https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2014/02febreiro/13/xulgados_detido_crime_poio.jpg}https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2014/02febreiro/13/xulgados_detido_crime_poio.mp4{/flowplayer}