A Media Maratón de Pontevedra aspira a acadar os 1.500 participantes

Pontevedra> Pontevedra acollerá este domingo, 21 de outubro, a vixésimo terceira edición da súa media maratón. Os organizadores da proba, que partirá do pavillón do Centro Galego de Tecnificación Deportiva, confían en acadar os 1.500 participantes.

Queda apenas un día para que remate o prazo para inscribirse na media maratón de Pontevedra e cóntase con que nesta vixésimo terceira edición se chegue ós 1.500 corredores.

A carreira, que repite o percorrido de edicións anteriores, partirá das inmediacións da Ponte dos Tirantes ás 11.00 horas, e transcorrerá polos 21 quilómetros que se reparten nas dúas voltas ao circuíto urbano homologado no seu día pola Real Federación Española de Atletismo. A meta estará situada no interior do CGTD.

A participación ten un custe de vinte euros, que inclúen a camiseta da proba e o avituallamento, que se realizará cada 5 quilómetros. A partir de mañá poderanse coller os dorsais na rúa Peregrina, número 6. Na xornada do sábado e do domingo xa haberá que facelo no pavillón do Centro Galego de Tecnificación Deportiva.

Para todos aqueles corredores que queiran recoñecer o percorrido, mañá martes, 16 de outubro, haberá unha quedada ás 20.00 horas no pavillón do CGTD. Os participantes, acompañados pola Policía Local, poderán correr polas rúas polas que transcorrerá a proba.