O pleno non renova a confianza en Fernández Lores e volve tombar os orzamentos para 2024

PONTEVEDRA> Pontevedra continuará sen orzamentos para este 2024. Non houbo sorpresas e as contas do goberno local volveron ser rexeitadas polo pleno. O alcalde Miguel Anxo Fernández Lores non conseguiu renovar a confianza depositada hai seis meses nel pola corporación municipal. O PP votou ‘non’ á cuestión de confianza presentada polo rexedor. O PSOE optou pola abstención.

Non houbo sorpresas. A proposta de orzamentos do goberno do BNG de Pontevedra para este 2024 tampouco saíu adiante no pleno extraordinario celebrado esta mañá. Unha sesión na que se debateu a cuestión de confianza proposta polo alcalde unida á aprobación destas contas.

A sesión iniciou cunha intervención do alcalde. Fernández Lores alertou do panorama desolador que, asegurou, supón para a cidade non ter orzamentos para este 2024.

O alcalde explicou que recorreu a esta cuestión de confianza por atoparse nunha situación excepcional. E é que cifran en 11’8 millóns de euros os cartos que hai que bloquear para asumir as obrigas contables ao prorrogar, un ano máis, o orzamento de 2022.

O pleno estivo marcado pola tensión non só no escenario, tamén entre o público. Representantes do funcionariado municipal e dos vendedores ambulantes seguiron a sesión, que foi interrompida en varias ocasións. Ao remate, seguiron con tambores e bucinas ao grupo municipal do BNG dende o Teatro Principal ata o edificio de Michelena 30.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí