O Concello comeza a executar a ordenanza de veladores

Pontevedra> O Concello de Pontevedra iniciou a implantación da modificación da Ordenanza de veladores dando solución a tres casos prácticos en diferentes zona da cidade. Concretamente na Praza da Estrela, na rúa Cruz Gallástegui e na avenida Augusto García Sánchez.

As terrazas da Praza da Estrela, de Cruz Gallástegui e do Román, serán as primerias onde se aplicará a ordenanza de veladores da cidade. A Xunta de Goberno aprobará as propostas de reordenación destes espazos. Os criterios a seguir son: determinar o espazo da terraza e o número total de veladores que poden incluír. Finamente, distribuír as mesas en función do  número de metros de fachada do local.

A concelleira de Promoción da Cidade e de Urbanismo aclarou que os veladores son elementos esenciais no modelo de cidade como dinamizadores económicos do espazo público, pero hai diversas disfuncionalidades que o Concello ten que ir correxindo. Anabel Gulías tamén agradeceu a boa sintonía coa hostalería da cidade para adaptarse a estes cambios normativos.