Tranquilidade e transparencia na Deputación a pesares da Operación Patos

PONTEVEDRA> Primeira comparecencia do presidente da Deputación despois dos rexistros no marco da Operación Patos. En rolda de prensa, Rafael Louzán ofreceu á xustiza a colaboración total da institución, aínda que pediu que os procesos non se prolonguen de xeito innecesario para evitar danar máis a confianza dos cidadáns.

O presidente da Deputación provincial está tranquilo. Tres días despois de que funcionarios da Policía Nacional rexistraran a sé do organismo na procura de contratos de varias obras públicas, Louzán asegura que non hai nada que ocultar. O presidente provincial remarcou que a Operación Patos nace dunha denuncia dunha empresa contra outra, algo que non afecta á institución. Como xa fixera o alcalde Miguel Anxo Fernández Lores, Louzán asegurou que a Deputación colaborará en todo o que sexa requirido. Así as cousas, pediu que os procesos xudiciais non se prolonguen. Tamén pediu respecto á presunción de inocencia, e recordou que, ata o de agora, a investigación non sinala a ningún membro da Deputación. O goberno provincial aínda descoñece se a Operación Patos afectará o desenvolvemento das obras que están a ser investigadas. {flowplayer img=https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2014/02febreiro/21/louzan_operacion_patos.jpg}https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2014/02febreiro/21/louzan_operacion_patos.mp4{/flowplayer}