PONTEVEDRA> Acordo entre ENCE e os sindicatos para despedir 35 traballadores de Pontevedra. A proposta inicial da empresa para a planta de Lourizán era o recorte de 39 postos de traballo.
Ademais, no marco deste expediente de regulación de emprego tamén se contempla a extinción de postos de traballo nas oficinas centrais de Galicia, Navia (Asturias) e Madrid. Deste xeito, o número total de traballadores despedidos da compañía ascende a 57.
A empresa xa comunicou á autoridade laboral e á comisión negociadora o acordo acadado cos representantes sindicais.
Segundo a información remitida pola compañía á Comisión Nacional do Mercado de Valores, o acordo pechouse o pasado 18 de decembro. As extincións poderán executarse entre o 1 de xaneiro de 2026 e o 31 de decembro de 2027. Iso si, quedará en mans da empresa a data concreta de saída de cada traballador afectado.
Segundo a dirección, contémplanse prexubilacións e baixas incentivadas, sen descartar a posibilidade de algunha recolocación noutras factorías do grupo.
ENCE enmarca esta medida dentro do seu Plan de Eficiencia e Competitividade, logo de catro trimestres consecutivos de perdas e a caída do prezo da celulosa.












