Da Silva, a ENCE e PP: ‘Que traballen para buscar unha alternativa e que manden parar esta Enceborroka’

PONTEVEDRA> Mentres os traballadores de ENCE se desmarcan da dirección da empresa e dos partidos políticos, dende o concello de Pontevedra non dubidan en sinalar á pasteira e ao Partido Popular como os responsables das manifestacións. Esta mañá a voceira do goberno, Carme da Silva, insistía en que a situación actual da factoría é responsabilidade da empresa e do PP e recordaba que a súa ubicación en Lourizán é ilegal.

Para o concello de Pontevedra non hai dúbidas: tanto ENCE como o Partido Popular están detrás das mobilizacións dos traballadores da pasteira.

Tamén a dirección da empresa e os populares son, segundo da Silva, os responsables da situación actual na que se atopa a factoría, despois de que a Audiencia Nacional declarara ilegal a prórroga da concesión concedida no 2018 polo goberno en funcións de Mariano Rajoy.

Para a voceira do goberno local é falso que non haxa ubicacións alternativas a Lourizán que permitan que ENCE se manteña en Galicia. E insistiu en que as decisións sobre o traslado teñen que tomalas a propia empresa, o Estado e a Xunta.

Da Silva defendeu que ao presentar o recurso na Audiencia Nacional contra a prórroga o concello de Pontevedra buscaba defender os intereses xerais da veciñanza. Ademais, volveu pedir á dirección e ao Partido Popular que paren a violencia.

 

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí