23 empresas optan a adxudicación das obras do novo mercado

    RIBEIRA> O executivo ribeirense informou de que unha vez concluído o prazo para a presentación de ofertas, son un total de 23 as empresas interesadas na execución das obras de remate do novo mercado municipal. A actuación, cun investimento de preto dos tres millóns de euros, forma parte do proxecto ‘Riveira Atlántica 2015’, e está cofinanciada nun 70% con fondos FEDER, procedentes da Unión Euopea. Ábrese agora un período de estudo e análise de tódalas ofertas presentadas co fin de resolver o proceso de adxudicación canto antes. Dende o concello confían en que este trámite poida estar rematado antes de finais de abril, data límite marcada polo equipo de goberno para que se retomen os traballos. Cómpre lembrar que o novo proxecto construtivo mantén en liñas xerais a aparencia do edificio e os seus característicos pechamentos inclinados. As modificacións introducidas perseguen sobre todo acadar unha maior flexibilidade de uso das distintas plantas, ó tempo que dar ó inmoble unha concepción unitaria que favoreza a mellorar o seu atractivo comercial.