Os Rufinos ingresan en prisión

    RIBEIRA> Esta mañá pasaban a disposición xudicial nos Xulgados de Ribeira, catro dos detidos a principios desta semana no marco da ‘Operación Rufus’ contra o tráfico de drogas. Aínda que non se descartan novas detencións, xa que a operación continúa aberta, ata o de agora, no marco da denominada ‘Operación Rufus’, detivéronse a unhas dez persoas. Catro delas, ós que as investigacións sinalan como principais cabezillas desta trama que se dedicaba á venda e distribución de droga na comarca do Barbanza pasaban ó longo desta mañá a disposición xudicial polos Xulgados de Ribeira. Para dous deles, os coñecidos como irmáns Rufinos, Jorge e Segundo Fernández Regueira, a xuíza decretou o seu ingreso inmediato en prisión. A súa vivenda, situada na rúa do Curro en Castiñeiras, foi unha das rexistradas a principios desta semana polos axentes da comisaría da Policía Nacional e nela interviñéronse certa cantidade de droga, dous vehículos, diñeiro en efectivo, unha escopeta, unha pistola de aire comprimido, numerosos teléfonos móbiles, unha báscula de precisión así coma outros efectos. Fontes policiais confirmaron que se trataba dun grupo organizado dedicado ó tráfico de estupefacientes que contaba con ramificacións tamén noutras zonas de Galicia. Nas investigacións realizadas polos axentes da Policía Nacional ribeirense tamén se puido constatar que a droga, neste caso a cocaína, procedía de fóra da comarca do Barbanza, e que era a propia organización, agora desartellada, a encargada de vendela e distribuila a ‘camellos’ e consumidores da zona e tamén doutras localidades. Segundo datos ós que tamén tivo acceso esta redacción a varios dos detidos no marco desta operación xa lle constan detencións anteriores por trafico de estupefacientes. {flowplayer img=https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2014/02febreiro/28/operacionrufus280214.jpg}https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2014/02febreiro/28/operacionrufus280214.mp4{/flowplayer}