Ribeira acollerá do 7 ó 9 de marzo a II Feira do Comercio

    RIBEIRA> A iniciativa, que se desenvolverá nunha carpa que se instalará na Avenida do Malecón, reunirá a máis de 40 expositores pertencentes a distintos microsectores. Baixo a organización esta vez da Asociación de Empresarios de Ribeira, e coa colaboración do concello, a vindeira fin de semana, do 7 ó 9 de marzo desenvolverase na Avenida do Malecón a segunda Feira de Inverno do Pequeno Comercio. O evento este ano contará con importantes novidades: Unha delas é a alta participación, xa que estarán presentes na carpa uns corenta expositores, razón pola cal foi necesaria tamén ampliación do recinto, que se incrementou un 33%. Na carpa haberá todo tipo de stands, na súa maioría relacionados coa moda, complementos, material deportivo ou zapaterías, aínda que tamén haberá un espazo para a hostalería. Aproveitouse este acto para presentar tamén unha campaña de promoción do comercio para estas datas de entroido. Así durante estes días haberá actividades para os máis pequenos e ambientación musical polas rúas comerciais da cidade.