Máis de 298 mil euros para bolsas de investigación e estudos artísticos

A CORUÑA> A Deputación da Coruña destina amáis de 298 mil euros a un total de 36 bolsas para traballos de investigación ou para o perfeccionamento de estudos artísticos a persoas residentes na provincia. No caso da convocatoria destas últimas, ofértanse 18 bolsas divididas en cinco áreas: tres para artes plásticas, dúas para danza, catro para interpretación, seis de música e outras tres de imaxe. Cada unha delas está dotada con 8.950 euros. En canto as bolsas para a investigación, o obxectivo das mesmas é financiar con 7.625 euros traballos, cunha duración mínima de nove meses, en cinco áreas. Resérvanse tres bolsas para a área de ciencias sociais e xurídicas, catro para a de ciencias, outras catro para ciencias da saúde, dous para enxeñería e arquitectura e cinco para artes e humanidades. En total, esta convocatoria conta cunha partida de 137.250 euros. Poderán optar a ela todos os residentes na provincia cunha titulación universitaria que cumpran os requisitos económicos esixidos e, como no caso anterior, que non posúan outra bolsa para a investigación, aínda que se trate dun traballo diferente. Os interesados deberán presentar a súas solicitudes coa documentación esixida no Rexistro Xeral da Deputación antes do 31 de marzo. As bases completas poden ser consultadas xa no Boletín Oficial da Provincia. Estas axudas súmanse ás bolsas para deportistas que a Deputación ofrece para rapaces de entre 10 e 17 anos e mozos de 18 a 23. Cada seleccionado pode conseguir 2.500 euros para progresar na súa disciplina e acceder ás competicións oficiais. En total, a Deputación reserva 50.000 euros para estas 20 bolsas coas que o organismo provincial pretende promover a práctica deportiva O prazo de solicitude estará aberto ata o 31 de marzo e as bases completas publicáronse xa no propio Boletín Oficial da Provincia.