SANXENXO/PONTEVEDRA> Localizado nunha praia de Sanxenxo o cadáver de Salvador Otero, o veciño de Pontevedra desaparecido dende o mediodía do domingo. O corpo do varón, de 63 anos, foi localizado por un axente da Garda Civil fóra de servizo. Todo apunta a que o cadáver é o mesmo que o que avistaran na tarde do domingo tres surfistas na costa de Sanxenxo.
Un axente da Garda Civil fóra de servizo atopou o cadáver de Salvador Otero pouco antes das 12 e media desta mañá. O xefe do posto da Gardia Civil do Grove estaba a dar un paseo co seu can por esta praia de Areas, en Sanxenxo, cando localizou a vítima. O corpo apareceu nunha zona de rochas, de difícil acceso.
A Garda Civil dirixiu o operativo desta mañá. Varios axentes deste corpo interviñeron no dispositivo, que rematou contra as 2 da tarde, tralo levantamento do cadáver.
Salvador Otero Somoza tiña 63 anos e era veciño de Mourente. Levaba desaparecido dende o pasado domingo. Fora visto pola súa familia por última vez no xardín da súa casa ó mediodía. Horas máis tarde, contra as 7 e media, da tarde dese mesmo domingo tres surfistas contactaron co 112 para alertar da presenza dun posible corpo aquí, na Praia de Canela, tamén en Sanxenxo. Segundo indicaban, estaba aboiando na auga boca abaixo. Dende ese intre púxose en marcha un amplo dispositivo de busca, coordinado por Salvamento Marítimo, que se prolongou ata esta mañá. Nese operativo participaron varias embarcacións de Salvamento Marítimo e da Garda Civil. Por terra, interviñeron nestas dúas xornadas diversos efectivos da Garda Civil, do Servizo de Emerxencias de Sanxenxo e da Policía Local.
A Garda Civil fíxose xa cargo das investigacións, para tentar esclarece-las circunstancias nas que se produciu a morte deste veciño da cidade.