‘Que a diabete non te pare’

A POBRA> A Asociación de nenos e xente nova con diabete de Galicia de tipo 1, Anedia, estreou hoxe na Pobra a súa nova exposición: ‘Que a diabete non te pare’. A mostra, realizada polo fotógrafo noiés Pichero, poderá visitarse na casa de cultura Raquel Fernández Soler ata finais deste mes de novembro.

Coincidindo coa celebración este sábado do Día Mundial da Diabete, xorde esta exposición fotográfica que pode visitarse na Pobra. Baixo o título ‘Que a diabete non te pare’ foi organizada pola da asociación de nenos e xente nova con diabete de Galicia de tipo 1,Anedia.

Nela recóllense un total de 21 fotografías nas que pode verse ós propios nenos do colectivo realizando diversos tipos de deporte: rugbi, fútbol, ximnasia… Coa mostra buscan visibilizar esta doenza e reflectir que poden realizar unha vida normal, cumprindo tamén os seus soños, como calquera outro cativo que non teña esta enfermidade.

Dende o Concello faise un chamamento á veciñanza, tanto do Concello como da comarca a visitala, xa que merece moito a pena.

A mostra, con carácter itinerante, permanecerá aberta ó público na casa da cultura Raquel Fernández Soler ata finais deste mes de novembro. Conta coa colaboración da Deputación da Coruña.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí