RIANXO> Rianxo viviu unha nova xornada de protesta en contra dos recortes de Educación, cunha mobilización multitudinaria que partiu dende a rotonda do recheo portuario e que rematou na praza Castelao.
Convocada polas comunidades dos tres principais colexios do municipio en canto a número de alumnos: Castelao, Brea Segade e Ana María Diéguez, sumáronse tamén a ela representantes da escola infantil, do instituto e do CRA.
Durante a marcha non deixaron de oírse berros e consignas en contra dos recortes que propón a Consellería para estes tres centros.
Xa na praza varios nenos deron lectura conxunta a un manifesto no que se incidía de novo na necesidade de acometer melloras urxentes nas instalacións e dotalos tamén de máis profesorado.
E parece que as protestar xa están a dar o seu resultado. Hai uns días técnicos da Xunta achegáronse ó colexio Brea Segade para avaliar as deficiencias e comezar a actuar, en colaboración co Concello.
De feito xa se retiraron varias lousas da parede con risco de desprendemento e o vindeiro luns está previsto que se acometan tamén traballos en tabiques e a instalación dunha caldeira.
De todas formas trataríase de obras pequenas, a todas luces insuficientes, pois dende a ANPA reclaman unha mellora integral das instalacións.











