PONTEVEDRA> Histórica mobilización das mulleres pontevedresas a prol da igualdade. Este 8M deixa unha multitudinaria manifestación na cidade. Ducias e ducias de mulleres concentráronse esta mañá en Pontevedra para reivindicar unha sociedade igualitaria. A praza da Peregrina quedou pequena para acoller á multitude de persoas que se deron cita reclamando un futuro feminista, sen fendas salariais e libre de violencias contra as mulleres.
O acto foi convocado polo Colectivo Feminista de Pontevedra. A praza da Peregrina viuse desbordada ante a marea morada que reivindicou unha sociedade igualitaria entre homes e mulleres. A concentración mesmo se estendeu ás rúas próximas á céntrica praza. O encontro serviu para reivindicar unha igualdade real, que supoña a fin das fendas salariais, dos teitos de cristal e da violencia machista.
Na concentración participaron de xeito maioritario mulleres, aínda que tamén puidemos ver algún home, nun segundo plano, tal como demandaban os colectivos convocantes desta folga de mulleres.
A organización convocante desta mobilización, o Colectivo Feminista de Pontevedra, expresou a súa “tristura” pola presenza de bandeirolas coas siglas dalgún sindicato. E é que a CIG, por exemplo, tiña convocado para a mesma hora outro acto na praza. Dende o colectivo que organizou a xornada reivindicaron que, o desta mañá, foi un acto a prol do feminismo sen apelidos.