BARRO> Froiz faise con dúas parcelas máis no polígono empresarial de Barro. O empresario Magín Froiz maila presidenta da Deputación formalizaron esta mañá a venda dos terreos á empresa de Poio. A intención da cadea de supermercados é instalar no parque empresarial unha plataforma de conxelados.
O Grupo Froiz acaba de facerse con dúas parcelas no polígono de Barro. A superficie total supera os 6.500 metros cadrados e o seu valor rolda os 783.000 euros. O empresario Magín Froiz e a presidenta da Deputación de Pontevedra asinaron hoxe a venda dos terreos nunha notaría de Caldas. Segundo avanzou o responsable da cadea de supermercados, un dos terreos vai albergar unha plataforma de conxelados. Ocupará unha superficie duns 1.500 metros cadrados. As obras comezarán este ano este ano. Os outros 5.000 metros vanse destinar a outro proxecto xa presupostado.
O empresario quixo agradecer á Deputación e, en especial, á súa presidenta que este proxecto se puidese levar a cabo. A presidenta provincial amosouse satisfeita coa venda das parcelas e orgullosa do modelo empresarial do Grupo Froiz.
Ademais, esta mañá tamén se formalizou a venda doutra parcela a unha empresa relacionada coa venda de madeira. Así as cousas e co 52% da súa superficie xa vendida, a presidenta da Deputación de Pontevedra asegurou que o polígono xa se converteu nunha referencia empresarial para toda a provincia.