O novo plan de prácticas laborais en empresas beneficiará a 400 titulados

PONTEVEDRA> A Deputación pon en marcha o seu segundo Plan de Práctica Laboral en Empresas, do que poderán beneficiarse ata 400 titulados. As bases publicáronse hoxe no Boletín Oficial da Provincia, abrindo así un prazo de 20 días para que as empresas poidan presentar as súas solicitudes.

 

Ata o 7 de abril as empresas poderán presentar as súas solicitudes para acollerse ó novo plan de prácticas da deputación. Neste caso, terán prioridade aquelas que non foran beneficiarias do plan anterior e as que, séndoo, conseguiran unha boa valoración.

Unha vez rematado o proceso de selección das empresas, abrirase o dos bolseiros. O organismo provincial convoca 400 prazas para titulados universitarios e de formación profesional que obtiveran o título despois do 1 de xaneiro de 2005 e que non teñan experiencia laboral previa.

O novo plan chega cando o anterior está actualmente en marcha. Dende a deputación destacaron o alto grao de satisfacción de empresarios e bolseiros, de aí que para esta convocatoria se agarda unha maior concorrencia.

Segundo o presidente provincial, está previsto que o novo plan estea en marcha entre finais de maio e principios do mes de xuño.

{flowplayer img=https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2014/03marzo/14/plan_laboral_dipu_140314.jpg}https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2014/03marzo/14/plan_laboral_dipu_140314.mp4{/flowplayer}