A polémica por Raíña Vitoria afonda no distanciamento entre o BNG e o PSOE en Pontevedra

PONTEVEDRA> Continúa a polémica en Pontevedra tralo pleno do pasado luns. Unha sesión na que Partido Popular e Partido Socialista votaron de xeito conxunto para reabrir parcialmente ao tráfico Raíña Vitoria e para eliminar os lombos dos viais sanitarios. Este posicionamento afondou no distanciamento entre os dous posibles socios de goberno, BNG e PSOE. Os populares, pola súa banda, esixen que se cumpra o mandato do pleno.

Raíña Vitoria volve centrar o debate político na cidade de Pontevedra. Este luns o pleno aprobaba a reapertura da avenida ao tráfico cos votos a favor de Partido Popular e Partido Socialista. Os populares insisten en que o goberno ten que dar cumprimento ao acordo plenario.

Os nacionalistas, pola súa banda, aseguran que non levarán adiante a medida.

Máis aló deste debate, a fronte común entre PP e PSOE afondou no distanciamento entre os socialistas e os nacionalistas para reeditar o bipartito do mandato anterior.

De feito, no pleno o BNG manifestou que non descarta que populares e socialistas cheguen a presentar unha moción de censura ao actual goberno. Algo que, cando menos polo de momento, descarta o PP. Que dá o bipartito por feito.

En canto ao futuro de Raíña Vitoria, Domínguez asegurou que analizarán os pasos a seguir para conseguir a súa reapertura.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí