Arousa Norte amplía a súa oferta turística ás persoas xordas

    BARBANZA> O convenio permitirá ademais dar continuidade á proxección de Arousa Norte como destino accesible. O salón de Plenos do concello pobrense acollía esta mañá o acto da sinatura do convenio de colaboración entre a Mancomunidade de Municipios Arousa Norte e a Federación de Asociacións de Persoas Xordas de Galicia. O actual presidente da Mancomunidade, o alcalde da Pobra, Isaac Maceiras, e o seu homólogo da Federación de Asociacións de Persoas Xordas de Galicia, Iker Sertucha, foron os encargados de formalizar este acordo que permitirá mellorar e ampliar a oferta turística para persoas con discapacidade autiditiva. Segundo explicou o propio Isaac Maceiras na súa intervención o convenio dará continuidade á proxección de Arousa Norte coma destino turístico iniciada xa no ano 2010, cando a Mancomunidade comezou a traballar nunha oferta accesible para persoas con diversidade funcional visual. Pola súa banda o presidente da Federación de Asociacións de Persoas Xordas de Galicia destacou a importancia deste convenio que permitirá facer accesible o turismo da zona a persoas xordas. Algo que evidencia a sensibilidade de Arousa Norte, ó ser ademais unha experiencia pioneira a nivel estatal.