O doutor López Otín faise co III Premio Ramiro Carregal

SANTIAGO> O xurado da terceira edición do Premio Internacional de Investigación Oncolóxica Ramiro Carregal–Fundación La Rosaleda, decidiu outorgar o galardón ó doutor Carlos López Otín, polas súas ‘numerosas publicacións de alto impacto, que favoreceron a difusión dos avances logrados e permitiron a adopción de novas perspectivas no diagnóstico do cancro’. Así o recoñece o xurado cuxo presidente executivo, o doutor Rafael López López destacou a valía persoal do premiado e a súa exemplar actitude e personalidade que o converteron nun exemplo para o resto da comunidade científica e médica. O Dr. López Otín foi elixido entre un gran número de candidatos, posto que esta edición do Premio de Investigación Oncolóxica Ramiro Carregal – Fundación La Rosaleda, foi o de maior número de candidaturas presentadas, dobrando incluso as recibidas nos dous anos anteriores. O premio, dotado con quince mil euros, é un dos de maior contía no seu ámbito e permitirá ó gañador iniciar ou continuar o seu traballo no ámbito da investigación oncolóxica. O Dr. López Otín (Huesca, 1958) é catedrático de Bioquímica e Bioloxía molecular na facultade de Medicina da Universidade de Oviedo. Realizou estancias nas universidades de Lund (Suecia), Nova York e Harvard e foi galardoado co Premio Nacional de Bioloxía, co que o Ministerio de Ciencia e Innovación recoñece algunhas das súas principais contribucións, como o descubrimento e caracterización de proteínas implicadas no cancro e o envellecemento. A entrega do premio terá lugar nun acto solemne que se celebrará na primavera e ó que asistirán personalidades do ámbito político, social, académico e científico, como xa ocorreu nas dúas pasadas anteriores, cando recibiron galardón os prestixiosos investigadores Mariano Barbacid e José Baselga.