Galicia decreta tres días de loito polo afundimento do Villa de Pitanxo no Canadá

MARÍN> Toda Galicia está de loito polo afundimento do pesqueiro Villa de Pitanxo en augas do Canadá. Os labores de localización e rescate continúan en Terranova. Mentres aquí, en Galicia, as autoridades pechan filas ao redor das familias. Esta mañá, dende a Autoridade Portuaria de Marín o presidente da Xunta anunciaba que serán os psicólogos da administración autonómica os encargados de notificar ás familias calquera información sobre os mariñeiros. Segundo Alberto Núñez Feijóo, un erro sería imperdonable, polo que pediu cautela.

Poucos cambios na información oficial sobre o afundimento do pesqueiro Villa de Pitanxo en augas do Canadá na madrugada de onte, na que é a maior traxedia no mar para Galicia dos últimos 40 anos.

O patrón do barco e o seu sobriño, ambos de Cangas, e un veciño de Marín natural de Ghana, son os tres superviventes. Segundo o presidente da Xunta, están a bordo doutro pesqueiro galego que colaborou no dispositivo de busca.

Alberto Núñez Feijóo desprazouse esta mañá ata Marín. Na Autoridade Portuaria mantivo un encontro co delegado do Goberno, a casa armadora e as alcaldesas de Marín, Cangas e Moaña e o rexedor de Bueu . No encontro acordaron deixar en mans dos psicólogos da Xunta a comunicación coas familias dos mariñeiros.

Aínda se descoñecen as causas do afundimento do pesqueiro. Núñez Feijóo fixo un chamamento á cautela e recoñeceu que, a medida que pasa o tempo, diminúen as probabilidades de atopar novos superviventes.

A maioría dos tripulantes do pesqueiro son de Marín, Bueu, Moaña e Cangas, pero tamén hay un veciño de Pontevedra e outro de Cambados. As familias continúan achegándose ata a instalacións do grupo Nores, armador do barco, na procura de información.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí