Ana Peleteiro e Joselu gañadores absolutos na IX Gala do Deporte

RIBEIRA> O auditorio municipal acollía esta fin de semana a novena edición da Gala do Deporte, na que se premiou ós mellores deportistas, clubs, entidades e colaboradores do concello na temporada 2013. Nesta ocasión, a atleta do Fútbol Club Barcelona Ana Peleteiro e o futbolista do S.D.Compostela José Luis Gómez, “Joselu”, foron galardoados como mellores deportistas absolutos en categorías feminina e masculina, en tanto que o Natural Sport Videlgi repitiu como mellor club. O turno de premiados abriuse coas categorías de Patrocinio Deportivo, que recaeu na empresa Serdeco; Mellor Xuiz Árbitro, no que foi distinguido o colexiado Joaquín Ventoso Noal; Mellor Labor Informativo, para o xornal Diario de Arousa e Mellor Evento Deportivo, que foi a Ruta do Nadal BTT. Acto seguido tivo lugar o bloque dedicado ás mencións especiais, que foi sen dúbida ningunha un dos momentos da gala en que os aplausos do público resoaron con máis forza. O primeiro en subir ó escenario foi Juan Hombre Dopazo, ó quen se lle recoñeceu por levar corenta anos dedicados ás artes marciais e por ser o precursor das artes marciais no municipio. Tamén houbo altas doses de emoción na intervención da ex atleta María José Martínez Patiño, pioneira en Ribeira no deporte de alto nivel, con campionatos galegos e de España e participacións internacionais, mantendo durante moitos anos os récords de España de vallas, relevos e velocidade. A terceira e última mención especial tivo como protagonista o equipo do club Atlético Riveira que na tempada 1978/1979 acadara o ascenso á terceira división, sendo o único conxunto futbolístico masculino que conseguiu militar varias tempadas en categoría nacional, chegando a participar na Copa do Rei. O penúltimo bloque de galardóns efoi para as categorías de Mellor Entidade Educativa na Promoción do Deporte Escolar que recaeu no Colexio Bayón, Mellor Club na Promoción do Deporte Base e Deporte para Todos no que se distinguíu ó Sálvora C.F., Mellor Equipo Feminino para o do Natural Sport Videlgi e Mellor Equipo Masculino para o equipo senior do Atlético de Riveira. No último turno de galardóns, o Mellor Deportista con Discapacidade foi Alejandro Vidal Álvarez, campión do mundo de parataekuondo en Lausanne (Suiza). Como Mellor Deportista Promesa Masculino e como Mellor Deportista Promesa Feminina tamén venceron dous combatentes do Natural Sport Videlgi: Miguel Cobas López e Ainhara Brión Cameán. Mellor Adestrador foi designado polo xurado Manuel Ángel Pena Suárez, do Atlético Riveira. E Mellor Club, unha vez máis o Natural Sport Videlgi, que en 2013 acadou o 7º camionato de España consecutivo e o subcampionato de Europa en Atenas.