Unha protesta de extraballadores de Valle-Inclán acaba en enfrontamentos coa plantilla

    VILANOVA> Tensión en Vilanova de Arousa. Esta mañá, preto dun centenar de persoas manifestáronse fronte ó edificio da residencia Valle-Inclán. O que comezou como unha concentración de apoio ás traballadoras despedidas, rematou cun intento por parte dos manifestantes de entrar no edificio para esixir ó xerente a readmisión do persoal.

     

    No exterior da residencia Valle-Inclán vivíronse esta mañá momentos de tensión.

    Traballadores despedidos e representantes sindicais de CIG, CCOO e UXT reuníronse ante o edificio para esixir a readmisión do persoal, que conta con sentenzas ó seu favor. 

    Os momentos máis tensos rexistráronse cando os manifestantes trataron de entrar no edificio. Os propios traballadores evitaron a toma da residencia, e producíronse enfrontamentos verbais entre ambos bandos, incluído o xerente do centro.

    E é que os ánimos están cada vez máis caldeados. Segundo denuncian os traballadores despedidos, están esgotando a súa prestación por desemprego cando contan con sentenzas ó seu favor que establecen a súa readmisión.

    A CIG tamén quixo chamar atención sobre o concurso das 110 prazas concertadas coa Xunta. Mañá cúmprese o prazo para a súa adxudicación, e dende o sindicato denuncian que non hai garantías de que non poidan quedar novamente en mans da empresa xestionada por Enrqiue Martínez.

    Ata a residencia desprazáronse dúas patrullas da Policía Local e unha da Garda Civil, que evitaron que os manifestantes entraran nas instalacións.

    Como xa lles contabamos, os momentos de maior tensión vivíronse nos enfrontamentos entre os manifestantes e os actuais traballadores de residencia. Eles e o seu xerente, Enrique Martínez, quixeron pechar filas ó redor da xestión da actual residencia, e criticaron a actitude dos manifestantes.

    Os enfrontamentos verbais entre manifestantes e traballadores foron unha constante esta mañá. Cando volveu a calma á residencia, o xerente expresaba a súa indignación.

    Segundo Enrique Martínez, o conflito dos traballadores despedidos é con Viaxes Silgar, empresa que na actualidade non posúe a residencia. 

    Os actuais empregados da residencia foron os que evitaron nun primeiro momento a entrada dos manifestantes. Aínda que aseguraron entender as súas reivindicacións, piden respecto.

    Algúns dos residentes do centro Valle-Inclán tamén quixeron pechar filas ó redor dos seus traballadores e do actual xerente.

    O xerente da residencia asegurou que poría o sucedido esta mañá en coñecemento da Delegación do Goberno.

    {flowplayer img=https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2014/03marzo/17/mobilizacion_valle_inclan_web.jpg}https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2014/03marzo/17/mobilizacion_valle_inclan_web.mp4{/flowplayer}