LOUSAME> O salón de actos da Casa da Cultura de Lousame acollerá este venres, ás oito e media da tarde, a presentación do libro ‘Elefantes y hormigas’ do xornalista arousán Fernando Salgado. Un acto aberto a toda a veciñanza e que contará coas intervencións da alcaldesa Teresa Villaverde, do propio Fernando Salgado, da escritora Montse Fajardo e de Julio Patachiuta, persoa en cuxa vida se inspira esta obra. ‘Elefantes y hormigas’ é o primeiro libro de Fernando Salgado e conta a historia de Julio Patachiuta, veciño de Vilagarcía de Arousa nado en Macedonia. O libro recrea a vida deste home, dende o incendio provocado polos nazis que lle custou a vida á súa nai ata como o seu irmán maior foi vítima dos partisanos pro-británicos ou a súa estancia nun campo de concentración nazi. Un amplo percorrido vital que supón tamén unha semblanza de gran parte da historia de Europa do século XX. O acto contará tamén coa actuación musical de Kevin Patachiuta, ao violín.
Inicio Cultura