A Xunta recoñece os mellores deportistas do 2013 cos Premios do Deporte Galego

SANTIAGO> O deporte galego vestiu onte de gala. A Xunta recoñeceu ós deportistas e entidades que nos últimos doce meses destacaron na súa contribución ó deporte de Galicia. Unha listaxe liderada polo triatleta Javier Gómez Noya e a nadadora Beatriz Gómez. 

 

A Cidade da Cultura rendeuse onte ante os mellores deportistas galegos. A Xunta entregou os seus Premios do Deporte Galego, uns galardóns cos que recoñece ás figuras máis relevantes neste eido durante o 2013.

O triatleta Javier Gómez Noya e a nadadora Bea Goméz son os recoñecidos como mellores deportistas masculino e feminina, mentres que Susana Rodríguez e Maxi Rodríguez, destacaron entre os atletas con discapacidade. A nadadora María Vilas levou o premio revelación. Entre os equipos, a Xunta distinguiu ó Burela Fútbol Sala, ó Club de Baloncesto Obradoiro e á Selección Nacional de tenis júnior.

Tampouco se esqueceron das entidades e empresas que apoian e promoven o deporte. Un eido no que se distinguiu á Agrupación Deportiva Seis do Nadal e Frigoríficos del Morrazo. Completan a listaxe de premiados o adestrador Carlos Gil, o árbitro Miguel Vicente Mariño, a Radio Galega e o evento deportivo Trofeo Miguelito de judo.

Na súa intervención, Núñez Feijóo fixo un alegato a favor do deporte como unha ferramenta para mellorar a vida dos galegos. Un obxectivo no que a Xunta xa encamiñou os seus pasos, pero no que segue mirando cara adiante.

O concello de Porriño, a Fundación USC Deportiva e o CPI de Pontecesures recolleron cadanseu Premio Galicia Saudable, en recoñecemento ó seu labor na promoción da actividade física e hábitos de vida activa.

{flowplayer img=https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2014/03marzo/21/gala_deporte_xunta.jpg}https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2014/03marzo/21/gala_deporte_xunta.mp4{/flowplayer}