O BNG insiste no posible desmantelamento dos CAISS

    POBRA> Os nacionalistas fundamentan os seus temores nun informe que veñen de recibir da Xunta de Persoal de Administración Periférica do Estado. Lonxe de querer alarmar á veciñanza, o BNG da Pobra está preocupado polo posible peche da oficina da Seguridade Social da localidade. Fundamentan os seus temores nun escrito que veñen de recibir da Xunta de Persoal de Administración Periférica do Estado no que se informa das intencións do Ministerio de Traballo de eliminar boa parte dos CAISS existentes en Galicia, fundamentalmente aqueles que teñen menos de oito traballadores, como é o caso do da Pobra. Dende o BNG pobrense consideran que o posible peche destas oficinas vén a evidenciar as políticas de recortes que están a levar a cabo os gobernos do Partido Popular, tanto na Xunta coma en Madrid, que representan graves prexuízos para os veciños. por esta razón pídenlle ó alcalde que tome cartas no asunto e non permita a desaparición deste servizo na Pobra. Os nacionalistas están á espera tamén da contestación do Ministerio de Traballo ás iniciativas presentadas por esta formación política sobre este asunto no Congreso.