Carregal: ‘Ser fillo predilecto é superior a tódolos títulos que recibín’

    VILAGARCÍA> O empresario arousán Ramiro Carregal é desde este sábado Fillo Predilecto de Vilagarcía. Nun acto sinxelo pero moi solemne, o impulsor de Frinsa recolleu o distintivo de mans do alcalde, Tomás Fole, lembrando que malia a vivir en Ribeira, sempre se sentiu moi orgulloso de ser vilagarcián. O Salón nobre do concello de Vilagarcía quedou pequeno para acoller a tódalas persoas que este sábado quixeron arroupar ó empresario Ramiro Carregal no seu acto de nomeamento como fillo predilecto da cidade. Foi un pleno extraordinario marcado pola sinxeleza, pero sen perder un ápice de solemnidade. Entre os asistentes, desde o ex presidente da Xunta, Xerardo Fernández Albor, ata os ex alcaldes do municipio, os actuais edís do goberno local xunto ós concelleiros do PSOE (nin BNG nin Esquerda Unida quixeron estar presentes) pero tamén o alcalde de Ribeira, cidade na que ten a súa residencia Carregal. A concelleira Elena Suárez e o rexedor Tomás Fole encargáronse de repasar a biografía do homenaxeado, incluíndo algunha que outra anécdota. Trala entrega do diploma distintivo por parte do alcalde, Ramiro Carregal dirixiu unhas palabras ó auditorio para amosar a súa satisfacción polo recoñecemento. Con esta designación, o presidente de Frinsa suma un novo distintivo á longa lista que atesoura xa, entre os que destacan a Medalla de Prata de Galicia, a Medalla de Ouro ó Mérito ó Traballo, Arousán de Honra, fillo adoptivo de Ribeira ou presidente de Honra da Fundación Amigos de Galicia. Tralo acto, Carregal achegouse ó comedor social de Cáritas a visitar ós seus usuarios, que o sábado gozaron dun menú especial por cortesía súa. Logo, compartiu a celebración nun xantar con familiares, amigos e membros da corporación vilagarciá. {flowplayer img=https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2014/03marzo/24/carregalfillopredilectovilagarcia.jpg}https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2014/03marzo/24/CARREGAL_FILLO_PREDILECTO.mp4{/flowplayer}