A hostalería poderá abrir ata as nove da noite e ampliar a súa capacidade

GALICIA> Balón de osíxeno para a hostalería. A Xunta de Galicia dá por superada a terceira vaga da pandemia e a partires deste venres bares e restaurantes poderán abrir ata as 9 da noite en practicamente toda Galicia. Tamén se amplían as capacidades en case todos os municipios. Ademais, permitirase a mobilidade dentro da comunidade. Pola contra, na ponte de San Xosé e en Semana Santa quedan prohibidas as reunións de non conviventes nos domicilios.

O comité clínico deixou desta volta boas novas para a hostalería. Coa mellora da situación epidemiolóxica, en practicamente toda Galicia redúcense as restricións. O toque de queda mantense ás 10 da noite, pero bares e restaurantes poderán pasar de pechar ás 6 da tarde a facelo ás nove da noite.

Esta medida aplicarase en practicamente todos os concellos galegos. Ademais, en todos os municipios da nosa área de influenza, excepto Pontecesures, a hostalería poderá incrementar a súa capacidade: o interior pasará do 30 ao 50%, e o exterior do 50 ao 75%.

Estas medidas entrarán en vigor na medianoite do venres, e súmanse a outras aprobadas para toda España como a prohibición de reunións en domicilios entre persoas non conviventes. Si poderá haber encontros ao aire libre e en locais hostaleiros: ata seis persoas en exteriores e catro en interiores. Tamén se mantén o peche perimetral en Galicia.

O comité clínico reunirase a vindeira semana para decidir se estas medidas estarán en vigor durante a Semana Santa.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí