O executivo noiés prevé endebedamento ‘cero’ a finais de ano

    NOIA> Ó igual que en varios concellos da comarca, a corporación municipal de Noia celebrará mañá unha sesión plenaria para o debate dos presupostos do presente exercicio. O executivo noiés levará a pleno mañá venres a súa proposta de orzamentos para o presente exercicio. O presuposto ascende a preto dos dez millóns de euros, ós que lle habería que sumar 2’1 millóns de euros de remanente de tesourería . Durante os últimos anos o concello tivo coma un dos seus principais obxectivos a contención e a estabilidade do gasto, un feito que se demostra agora coas previsións dun nivel de endebedamento a finais de ano do 0%, moi lonxe da débeda existente no ano 1999, cando se superaba os límites legais establecidos. O documento orzamentario para este ano 2014 prevé 4’5 millóns de euros para gastos de persoal e 3’1 para gasto corrente, mentres que o investimento ascenderá a 1’1 millóns de euros, o que supón o 11’7 % do orzamento. Neste capítulo destacan as partidas destinadas á adquisición do edificio Casino, 150 mil euros, diversas melloras na piscina municipal, 100 mil ou a construción de beirarrúas en Labarta 173 mil. Dende o equipo de goberno tamén resaltan o incremento en axudas a entidades culturais e deportivas e axudas para emerxencias sociais e bolsas de estudo, coa finalidade de tratar de evitar os problemas de risco e exclusión social. Ademais destacan tamén a recuperación da xestión directa de moitos servizos municipais como é o caso de xardinería, limpeza viaria ou piscina que posibilitou melloras económicas e tamén melloras na prestación de servizos ós veciños. Na sesión, que dará comezo ás oito e media, abordarase tamén a resolución do expediente de desafiuzamento de bens de dominio público no Malecón de Gasset.