Un trailer sáese da vía e acaba emborcando nun terraplén

POBRA> Aparatoso accidente o que tiña lugar este mediodía, ó redor da unha, na autovía do Barbanza, a escasos metros da saída sur da Pobra, en dirección Padrón, na Tomada. Por causas descoñecidas, un trailer de grandes dimensións saíuse da vía, colidindo contra o quitamedos e posteriormente precipitándose por un terraplén duns dez metros de altura.

Por fortuna, o condutor e único ocupante do camión, non sufríu danos de consideración, saíndo polo seu propio pé, antes da chegada dos equipos de emerxencias.

Ata o lugar do suceso achegáronse rapidamente persoal dos parques de bombeiros de Ribeira e Boiro, Protección Civil e Policía Local da Pobra e Garda Civil de Tráfico, encargada esta última de realizar o correspondente atestado.

Tamén se achegaron ata o lugar do accidente membros do equipo de conservación da propia autovía, que se encargaron da sinalización e da limpeza da vía, sendo necesaria ademais o corte dun dos carrías de circulación.

Os bombeiros encargáronse tamén do control dos depósitos de aceite e combustible do trailer por se se puidera producir algún vertido ó medio.

Un guindastre de grandes dimensións tivo que desprazarse á zona para proceder á retirada do camión. Unha manobre que se prolongou durante varias horas.

Comments are closed.