Germán Allut será o candidato do PP de Rianxo ás municipais

RIANXO> Germán Allut asume as rendas do PP de Rianxo de cara ós comicios do mes de maio. O novo candidato afrontará a carreira electoral con ilusión e o convencemento de poder achegar ós rianxeiros un novo xeito de facer política.

O presidente provincial do PP, Diego Calvo, a Conselleira do Mar, Rosa Quintana, e numerosos alcaldes e representantes populares na comarca déronse cita en Rianxo para arroupar a Germán Allut na súa presentación como candidato á alcaldía do municipio. Allut Vidal agradeceu a confianza depositada nel polo partido para asumir este reto que afronta con convencemento e ilusión.

Pola súa banda, Diego Calvo destacou as calidades do novo candidato, disposto a axudar e escoitar á cidadanía. Nun discurso moi crítico co actual goberno municipal presentou a Allut como o mellor antídoto contra os aliados de Bildu e o independentismo catalán.

Do mesmo xeito, Rosa Quintana destacou a figura de Germán Allut como o mellor candidato para Rianxo despois dun longo proceso desenvolvido pola dirección provincial do partido para contar cos mellores de cara á convocatoria electoral.

Precisamente a través deste cambio de rumbo, a nova candidatura agarda gañar peso na corporación rianxeira cunha premisa básica como lema: traballo, traballo e máis traballo.