Os oficios tradicionais protagonistas no entroido boirense

    BOIRO> Esta mañá celebráronse nos centros escolares do Barbanza os tradicionais desfiles de entroido. Os oficios tradicionais foron os protagonistas da xornada no Colexio Santa Baia de Boiro. Muiñeiros, reposteiros…Son só algúns dos oficios tradicionais que puidemos ver hoxe durante o desfile que os alumnos e alumnas do colexio Santa Baia de Boiro realizaron por varias rúas do concello e o paseo marítimo. A temática elixida foi traballada ó longo de varias semanas tanto dentro como fóra da aula. Hoxe era o gran día, pero a preparación do disfrace e a organización de diversas actividades marcaron a axenda escolar de toda a semana. Unhas actividades, nas que como cada ano, implicaron tamén ós pais e nais dos cativos. Tralo desfile, no que fixeron as delicias dos proxenitores que asistiron como público, chegou a hora de volver á escola, pero nesta ocasión non para que lles tomen a lección, senón para dar boa conta dos produtos típicos destas datas. Con este desfile comezan as vacacións escolares que durarán ata o próximo xoves día dous. Varias xornadas por diante, nas que estes rapaces teñen xa os seus plans. Esta fin de semana continúa a celebración do entroido nos concellos do Barbanza, con diversos desfiles e concursos de murgas e comparsas.