Xunta e concello investirán novecentos mil euros na reforma do mercado de Noia

    NOIA> A Xunta de Galicia e o concello de Noia investirán preto de novecentos mil euros na reforma da praza de abastos. O obxectivo é mellorar o aproveitamento do espazo así como a integración do inmoble no casco histórico. A praza de abastos de Noia é unha das que conta cun maior número de postos en activo de toda Galicia. Esta circunstancia unida á súa situación estratéxica no centro da vila fai que a administración estea a apostar pola súa dinamización. Novecentos mil euros, cofinanciados pola Xunta e o concello en varias anualidade, permitirán mellorar as instalacións redistribuíndo o espazo e acondicionándoo para acoller actividades complementarias. A maior parte dos traballos centrarase na planta superior aínda que tamén se procederá á remodelación estética da fachada e á renovación de servizo. A intención do concello é consensuar o proxecto de reforma cos praceiros polos que serán convocados a diversas xuntanzas durante a redacción do proxecto.