O BNG demanda o cambio de localización dalgúns contedores que comprometen a seguridade viaria

RIBEIRA> O BNG de Ribeira apela á necesidade de chegar a acordos para buscar o mellor emprazamento para os contedores de lixo. Na actualidade, hai zonas nas que restan visibilidade ou obstaculizan o paso supoñendo mesmo un risco para a seguridade.

Vías do centro urbano como a avenida García Bayón e a avenida da Coruña pero tamén outras zonas nas parroquias están a rexistrar incidencias por mor da colocación dos contedores. Nalgúns caso restan visibilidade á hora de cruzar ou mesmo implican que os peóns teñan que invadir a calzada para depositar os residuos supoñendo un serio risco para a seguridade.

Os nacionalistas levarán este asunto ó pleno no apartado de rogos. Póñense a disposición do goberno para buscar alternativas que permitan desprazar os contedores a zonas onde se garanta a correcta recollida do lixo sen supoñer un problema para o tránsito.