Ferido leve por unha colisión por alcance na autovía do Barbanza

    BARBANZA> O accidente tiña lugar ó redor das tres da tarde no punto quilométrico 27 da autovía do Barbanza, á altura do concello de Boiro. Por causas polo de agora descoñecidas, un turismo que circulaba en dirección a Ribeira, colidiu contra un camión de transporte que portaba prefabricados de formigón. Alertados polo 112, ata o lugar do sinistro desprazáronse efectivos do parque de bombeiros de Boiro e Ribeira, aínda que estes últimos non chegaron a intervir, así como tamén unha ambulancia do 061, varias patrullas de Tráfico e membros do Grupo Municipal de Emerxencias de Boiro. Nun primeiro momento pensábase que puidera haber atrapados, aínda que finalmente o condutor do turismo puido saír polo seu propio pé do vehículo, presentando feridas leves. A consecuencia do accidente un dos carrís da estrada estivo cortado ó tráfico, mentres se procedeu á retirada dos vehículos e á limpeza da vía. As catro da tarde a intervención dábase por concluída.