Acciona obtén a mellor puntuación no concurso do novo mercado

    RIBEIRA> O concello xa lle requiriu á firma que presente toda a documentación necesaria antes de proceder á adxudicación definitiva. Das 23 empresas presentadas ó concurso para a execución do proxecto de reorientación e finalización do novo mercado municipal, a que obtivo a maior puntuación foi Acciona Infraestruturas. A súa oferta económica ascende a un prezo total de 2’2 millóns de euros e un prazo de execución de nove meses. Dende o executivo ribeirense xa se lle requiriu a esta firma para que, nun prazo de 10 días, presente no rexistro xeral do Concello toda a documentación complementaria, antes de proceder á adxudicación definitiva da obra, un trámite que deberá ser aprobado en pleno. Cómpre sinalar que o novo mercado municipal é unha das actuacións máis importantes entre as incluídas no proxecto ‘Riveira Atlántica 2015’, que está cofinanciado nun 70% con fondos europeos FEDER.