A progranación do ‘Abril Literario’ xirará ó redor dos naufraxios

RIBEIRA> Mañá xoves dará comezo a programación do Abril Literario que organiza cada ano a concellería de Educación. Nesta edición, a acción divulgativa abordará a temática dos naufraxios na nosa Comunidade, realizando unha aproximación a este tema tan presente na vida dos galegos a través de catro conferencias e unha exposición. Dende mañá e ata o 30 de abril poderá ser contemplada na Biblioteca Municipal a exposición “Naufraxios: Historia e Literatura”. Segundo explicou Maricarmen Vizcaya, esta mostra pretende servir de prolegómeno á máis ambiciosa exposición que o Concello de Riveira vai dedicar á traxedia de Santa Isabel. Estará integrada por un conxunto de cartas mariñas do litoral galego nas que están inventariadas máis de mil afundimentos: un labor realizado por José López Redonda ou “Pepe de Olegario”, natural de Fisterra, que co descorrer dos anos se ten convertido nun auténtico experto nesta materia. Polo que respecta ao programa de conferencias, desenvolverase os xoves 3, 10 e 24, a partir das 20 horas, no Centro Cultural Lustres Rivas. Son de acceso libre e carácter gratuíto.