Dan inicio as obras de recuperación do castro da Cidá

    RIBEIRA> Esta semana deron comezo os labores de recuperación patrimonial e posta en valor do xacemento de Castro da Cidá, en Carreira. A actuación que se está a realizar forma parte das accións incluídas dentro do proxecto ‘Riveira Atlántica 2015’, que está cofinanciado nun 70% con fondos europeos FEDER. Co arqueólogo Miguel Ángel Vidal como director de obra, a empresa Arqueología do Noroeste é a encargada de realizar esta actuación, cun equipo formado por 15 persoas. Trátase dun xacemento virxe, que nunca foi obxecto dunha escavación científica. De feito, os maiores indicios que anticipan o que alí pode haber proveñen dunha fotografía aérea sacada polos Estados Unidos na década dos cincuenta do século pasado. Esta fotografía, sumada ó releve topográfico e a morfoloxía do terreo, son os que inducen a presumir que era un castro importante, rodeado de dúas murallas que circunvalan totalmente o poboado, máis unha terceira exterior, de carácter parcial, que estaba ubicada no acceso defensivamente máis feble e vulnerable. De abril a xullo, escavaranse diversas áreas do xacemento e se acometerá a restauración e consolidación das estruturas que se atopen. Posteriormente o longo doutros dous meses procederase a analizar toda a información recollida e constituír unha memoria técnica, ademais de sinalizar o castro e instalar paneis divulgativos para que o visitante saiba da riqueza deste contorno. Esta actuación municipal que marca o inicio da recuperación do Castro da Cidade posúe unha importancia dobre, pois ademais da relevancia histórica do xacemento e o seu enorme potencial no eido do turismo patrimonial, súmase tamén a espectacularidade natural do enclave, situado no cumio do monte da Cidá e con asombrosas vistas á ría de Arousa, ao parque dunar, ó cabo Corrubedo ou á serra de Barbanza.