A Deputación renova o convenio co Centro Arqueolóxico de Neixón

    BOIRO> A Deputación da Coruña vén de renovar o convenio de colaboración co concello de Boiro para o financiamento do programa de actividades do Centro Arqueolóxico do Barbanza no 2014. A achega provincial que recolle o acordo é de 20 mil euros, o que representa o 53,4% do orzamento total necesario para o financiamento das actividades anuais. Esta axuda permitirá facer fronte ós gastos da organización do VII Encontro Arqueolóxico do Barbanza, a edición e publicación dos vídeos, as visitas guiadas ou os obradoiros, así como a posta en marcha das escavacións que se realizan periodicamente. Tras a sinatura, o presidente provincial, Diego Calvo, destacou o bo funcionamento destas instalacións, así como o grande éxito de convocatoria e de calidade formativa que teñen os encontros arqueolóxicos que se celebran en Boiro. Pola súa banda o alcalde boirense, Xoán Xosé Dieste, agradeceu o apoio da Deputación e lembrou que os encontros arqueolóxicos contan coa participación anual de máis de 300 persoas, entre as que se atopan os mellores profesionais a nivel nacional.