Iván Ares e Álvaro Bañobre gañadores do XXX Rali de Noia

NOIA> Un ano máis a proba, clasificatoria para o campionato galego de asfalto, conseguiu congregar a miles de persoas a pesar da adversa climatoloxía. Cumpríronse os pronósticos, e o piloto da Escudería Lalín-Deza, Iván Ares, que partía como un dos claros favoritos a levarse a vitoria, fíxose coa 30 edición do Raly de Noia, a segunda proba puntuable do campionato Galego de Asfalto. A bordo dun Porche 911 GT3, xunto co seu copiloto Álvaro Bañobre, lograron o mellor tempo de entre os 128 participantes. Das dúas probas disputadas no que vai de ano, fixeron pleno nas dúas, liderando actualmente o campionato galego da especialidade, sendo ademais os claros favoritos para levarse o título. Por detrás deles, en segunda posición, Amador Vidal e Francisco Lema, da Escudería Arvidal Racing, cun Wolkswagen Polo N1, e en terceiro lugar, completando o podio, os portugueses Ricardo Sousa e Nuno Sosa da Escudería As Burgas cun Mitsubishi EVO X. Dende a organización destacaron o éxito desta edición. A climatoloxía adversa foi tamén un dos condicionantes da carreira, sen destacar ningún incidente de consideración, a excepción da presenza de puntas nalgúns tramos e as interferencias na frecuencia de radio. Por esta razón dende a organización valoraron moi positivamente o desenvolvemento da proba que transcendeu o carácter meramente deportivo para converterse nun evento lúdico con miles de asistentes.