A Deputación continúa coa súa aposta decidida pola diversidade

    RIBEIRA> Dende hai anos a Deputación da Coruña mantén unha estreita colaboración coa Asociación AMBAR que atende a persoas con diversidade funcional. Froito dese bo entendemento foron numerosas as achegas realizadas dende o organismo provincial que lle supuxeron á entidade poder seguir desenvolvendo o seu programa de actividades ou mesmo completar o centro de recursos de Frións. Hai varias semanas o presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, recibía na sede da institución provincial á xunta directiva de Ambar. Non era a primeira xuntanza que mantiñan estas dúas entidades nos últimos meses. A deputada responsable de Benestar Social deste organismo, Ánxela Franco, tamén os recibiu e mesmo visitou tamén o centro de recursos que Ambar posúe en Frións. Nestas reunións abordáronse diversos aspectos relativos á estreita colaboración que, dende hai anos, mantén a institución provincial con este colectivo, que agrupa a máis de mil persoas con diversidade funcional dos concellos de Rianxo, Boiro, A Pobra, Ribeira e Porto do Son, entre eles as numerosas dificultades de accesibilidade que aínda atopa o colectivo no referido á existencia de barreiras arquitectónicas en edificios e vías públicas. Neste sentido, os representantes da entidade solicitáronlle á Deputación que se teñan en conta para o reparto de fondos o cumprimento da normativa de accesibilidade por parte dos concellos. Aínda así a colaboración da Deputación con Ambar é moi estreita. Nos últimos anos foron numerosas as achegas realizadas, con subvencións anuais para contribuir a sufragar os gastos de varios programas, para a adquisición de vehículos para o transporte adaptado da entidade ou mesmo para a construcción do Centro de Recursos.